Friday 03 de May de 2024

As Semanas Santas de Ferrol, Mondoñedo, Viveiro e Santiago xúntanse para falar das súas traxectorias ata acadar as súas declaracións de interese turístico


 

O pasado sábado pola mañá, a Xunta de Confrarías da Semana Santa de Santiago abría as portas do de San Domingos de Bonaval para expoñer os traxes e estandartes das 13 confrarías que a compoñen. Un convento polo que múltiples persoas foron pasando para interesarse pola historia ou incluso para recoller programas de cara ao vindeiro 12 de abril, Venres de Dores, no que darán comezo os desfiles procesionais.

Pero sen dúbida, a gran aposta da Xunta de Confrarías chegaba a media tarde, cando deu comezo o “Encontro de Semanas Santas de Interese Turístico”, un acto, do que xa se deixaba entrever a idea de realizar unha segunda edición o vindeiro ano.

Desta vez os convidados de honra foron Fernando Iguale, secretario da Xunta de Confrarías de Ferrol; Mª del Carmen López, voceira da Xunta de Confrarías de Viveiro; Elena Candia, Alcaldesa de Mondoñedo e por último Carlos Xixirei, ao que a Xunta de Confrarías de Santiago quixo convidar para falar do camiño percorrido entre as diferentes confrarías nos últimos anos.

Un coloquio no que tanto Ferrol como Viveiro estendían a súa historia, polo seu recoñecemento a nivel Internacional. No caso de Mondoñedo, Candia animaba a descubrir unha Semana Santa que se vive coa intimidade propia dunha localidade que non chega aos 4000 habitantes. E, xa por último, Xirirei aproveitaba a ocasión para destacar as 13 Confrarías que compoñen a Xunta compostelá. Un feito que contrasta coas 5 e 8 que teñen constituídas Ferrol e Viveiro respectivamente; ademais de por en valor o Casco Histórico da cidade pola que transcorren e, por suposto, do alto valor artístico das tallas que saen ás rúas que rodean a Catedral.

Pola súa banda, a directora Xeral de Turismo, Nava Castro, pechaba o acto destacando a unidade entre as diferentes Xuntas de Confrarías da nosa comunidade e puxo en valor o feito de que elas mesmas se xunten neste tipo de eventos que serven para intercambiar sensacións, sentimentos e para levar en conxunto o nome de Galicia fóra das nosas fronteiras ao falar das festividades relixiosas.

Finalmente, e para poñer o broche de ouro, os asistentes puideron desfrutar da Escolanía da Catedral de Santiago, que interpretou catro pezas nun convento que rompeu en aplausos e que fixo as delicias de todos os asistentes.